Friday 29 de March de 2024

O Goberno Municipal modifica ilegalmente a Mesa de Contratación de Culleredo


• A modificación foi feita para avaliar a presunción de temeridade da oferta que resultou finalmente adxudicataria da licitación das Escolas Municipais.

• A composición da Mesa de Contratación foi modificada por resolución da Concelleira de Facenda, cando a competencia é do Pleno.

• Calquera das empresas que non foron adxudicatarias podería recorrelo e meter nun problema económico (outro máis) ao Concello de Culleredo.

• Tanto os servizos xurídicos, nos seus informes, como a oposición, advertiran xa das irregularidades.

A contratación das Escolas Municipais Culturais e Deportivas 2022-2023 tráenos unha nova mostra da incapacidade e o desprezo do Goberno Municipal polos procedementos legais para a contratación pública, desprezo que lles fai perder as formas e os tempos para dispor dos servizos públicos en forma e prazo.

As Escolas Municipais 2022-2023 comezaron con retraso debido a non ter contratada unha empresa para impartir as aulas. Este atraso levounos a facer unha barbaridade máis coa contratación das Escolas Municipais que podería acabar tendo consecuencias para as arcas municipais.

O 25 de novembro de 2022 a Concelleira delegada nas áreas de Urbanismo e Facenda, Dª Marta Iglesias, asina unha resolución na que acorda “modificar a composición da Mesa de Contratación”. Nesa resolución nomea como Presidenta á funcionaria que figuraba xa como suplente dunha vogal da mesma Mesa. Este acto é ilegal pois modifícase a composición da Mesa de Contratación por un órgano incompetente, non polo órgano legalmente competente que é o Pleno.

Non foi casualidade que tiveran problemas coa composición da Mesa de Contratación e os levara a estas decisións impropias cando lles apertaron os prazos. É o resultado desta (des)organización na que navega a maioría absolutísima de Rioboo. Unha (des)organización na que titulares de postos na Mesa de Contratación eran tamén suplentes para outros postos nesa mesma Mesa, nunha iteración na que unha baixa por calquera motivo levaría a unha desfeita.

A súa composición foi xa informada desfavorabelmente pola Secretaria Municipal, pois figuraban, como vogais suplentes, dous funcionarios municipais, que ocupaban (e aínda ocupan) as xefaturas do servizo de Cultura e Educación e do servizo de Dinamización, Formación e Emprego. O motivo dese informe desfavorábel era que desempeñaban postos de traballo “cuxa especialización non garda relación coa contratación pública, […] non se cumpre o requisito de especialización propio da mesa de contratación”.

Agora, nunha volta máis a esa irregularidade, a un deles encomendáronlle o informe no que se xustifica que unha das ofertas non incorre en baixa temeraria, e á outra nomeárona, saltándose ao órgano legalmente establecido para facelo, para a presidencia da Mesa de Contratación que propón outorgar a esa empresa o contrato das Escolas Municipais 2022-2023.

Agardamos que este novo desvarío do Goberno Municipal non teña consecuencias para o funcionamento das Escolas Municipais que xa empezan cun trimestre de atraso e tampouco para as arcas municipais.